Magreco abre as súas portas con preto dun cento de expositores de maquinaria agrícola, artesanía e alimentación

O conselleiro de Medio Rural, José González,  e a alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, inauguraron este sábado ao mediodía unha nova edición de Magreco, feira de maquinaria agrícola e produtos ecolóxicos. Acompañáronos os alcaldes de Frades, Roberto Martínez; Mesía, Mariano Iglesias ; e Vilasantar, Fernando Pérez, ademais dos concelleiros do grupo de goberno de Boimorto e doutros concellos da contorna. 

No acto de inaguración, María Jesús Novo deulle á benvida a veciñanza e visitantes a unha feira que volve a Boimorto tras tres anos de ausencia, dous pola pandemia e outra por causa da folga de transporte, e convidounos a participar nun Magreco que definiu como “revitalizado”. José González, pola súa parte, destacou a importancia deste tipo de feiras para promocionar o sector e felicitouse pola incorporación de xente nova ás explotacións agrogandeiras.

Alcaldesa e conselleiro visitaron a continuación as mostras de maquinaria agrícola, artesanía e alimentación, nas que participan preto de medio cento de expositores e que poderán visitarse ao longo de toda a fin de semana. 

Magreco comezou a súa andaina cunha charla sobre a Política Agraria Común para o periodo 2023-2027. Á charla, que se celebrou no comedor do colexio público de Boimorto, asistiron medio cento de agricultores e gandeiros, que puideron coñecer de primeira man as novas liñas que marcarán a política agraria europea e tamén con que axudas poderán contar para mellorar as súas explotacións. Europa aposta polos mozos e polas mulleres, desvelou durante as súas explicacións José Luis Acción Porto, xefe de de sección do servizo de axudas agrícolas da PAC do Fondo Galego de Garantía Agraria. Tomou tamén a palabra o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiro, quen incidiu na solicitude de flexibilidade á hora de aplicar os cambios que conleva a nova normativa.

Ademais, esta mañá na feira de Boimorto os profesionais tiveron á súa disposición á Oficina Agraria Móbil, servizo itinerante da Xunta que brinda información e presta asesoría para que as persoas interesadas poidan realizar todo tipo de trámites ordinarios in situ.

Así mesmo, nenas e nenos puideron gozar de xeito gratuíto dos inchables e do circuíto de educación vial instalados nas pistas do colexio e participar no primeiro dos tres obradoiros de elaboración de queixo fresco. Os outros dous desenvolveranse esta mesma tarde.

Tamén pola tarde, e para pechar esta primeira xornada de Magreco, o campo da feira acollerá un concerto do grupo Leirabuxo.

Mañá, domingo, a feira de Boimorto acollerá a partir do mediodía unha das actividades que máis expectación esperta: a poxa de xovencas. Africor, asociación encargada de velar pola mellora xenética da raza frisoa, acudirá á feira de Boimorto cunha decena de animais e levará tamén por primera vez dous exemplares de raza jersey. As xovencas, todas xa paridas, pertencen a recoñecidas gandeirías da contorna, en concreto de Arzúa, Toques, Curtis e Boimorto. Completarán a poxa tres animais procedentes da granxa de recría da Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún de Rubia Galega, Acruga, que presentará preñadas as súas xovencas.

Categoría: