5. As xotas vellas
A xota, coma a pandeirada, ten un carácter arcaico e para a súa interpretación, o cantor ou cantora tradicional, utiliza os esquemas melódicos do corpus de melodías clasificadas como melodías sen función determinada.
A pandeirada, ou muiñeira vella, e a xota era o baile máis frecuente en Boimorto. Tamén son os xéneros máis utilizados no canto tradicional.
A xota, de metro ternario, execútase de forma pausada e melódica en contraposición á pandeirada, de metro binario e execución máis rápida. Tamén é máis variada por constar de dúas partes diferenciadas: punto e volta.
O punto consta de dous ou catro versos musicais, sometido ao compás de 3/8, para interpretar a composición lírica, en forma de cantiga, de catro versos octosílabos.
A volta ou refrán tamén consta de dous ou catro versos musicais para interpretar os versos de seis sílabas. Hai xotas que se recolleron sen volta e mesmo aparecen voltas encadeadas que servían para punto de xota sen identificar.
Cando se interpreta a xota con instrumento rítmico, normalmente a pandeireta, esta indica o cambio do punto á volta para o baile.
Descarga das partituras en formato PDF e reproducción en formato MIDI