Creación do Escudo

O Escudo de Boimorto

Boimorto créase como concello no ano 1835  integrado polas parroquias de Santiago de Boimorto, San Martiño de Andavao, Santa María dos Ánxeles, San Vicente de Arceo, San Miguel de Boimil, San Pedro de Brates, Santa María de Buazo, San Pedro de Cardeiro, San Pedro de Corneda, San Cristovo de Dormeá, San Xoán de Mercurín, San Simón de Rodieiros e Santa María de Sendelle.

Fóra da existencia de escudos da fidalguía existente no concello, ningunha das parroquias enumeradas ostentou a capitalidade polo que non existe escudo que represente a totalidade do concello.

Proxecto de escudo

No ano 1985, ante a necesidade de escudo propio que simbolice e reforce os vínculos de convivencia histórica e administrativa, encárgaselle a Manuel Rico Verea indagar sobre a historia local e deseñar un escudo que identifique o concello.

Un ano despois Manuel Rico entrégalle ó concello o proxecto de escudo, cos antecedentes históricos e xeográficos que se tiveron en conta para este proxecto,  e o deseño do mesmo coa lenda explicativa.

Antecedentes históricos e xeográficos

Santiago de Boimorto, capital do concello, e as parroquias que o conforman, durante o Antigo Réxime, pertencían ás xurisdicións de Arzúa e Mesía, da provincia de Santiago, e estaban baixo o señorío do arcebispado de Santiago sendo xuíz ordinario desta xurisdición o cóengo titular do arcediagado de Cornado no que está incluído o arciprestado de Sobrado e Benvexo.

Pola advocación da parroquia e pola pertenza citada do Señorío da Mitra de Compostela, como pola antiquísima vinculación coa vía francíxena, o  camiño das peregrinacións, resalta como trazo histórico, o xacobeo.

O concello de Boimorto está adscrito, desde a súa creación, ó partido xudicial de Arzúa que posúe  escudo propio no que representa a arca do Apóstolo e dúas vieiras  que franquean unha estrela.

Xeograficamente toda a terra de Arzúa, situada no medio das actuais provincias galegas, forma unha altiplano de vastas gándaras rodeadas de pequenos montes ondulados polos que se dispersan abundantes ríos e regueiros. Dous ríos corren paralelos cara ó atlántico delimitando esta terra: o Tambre e o Ulla.

O altiplano destas gándaras de Boimorto, denominadas tamén terras da montaña, están rodeadas polo suleste polos montes do Bocelo  (773 metros de altura)  e polos coutos das Abieiras e Salgueiras nas parroquias de Corneda, Dormeá e Rodieiros. Polo oeste as alturas contrastan cun descenso ata os  300 metros.

O río Tambre, polo norte, vai delimitando as terras do concello. No leste un afluente, o río Tamarela, coñecido tamén por Batán, rega as súas terras e del  deriva a Canle do Tamarela, obra do medievo, que transvasa parte das súas augas para a cunca do Iso, afluente do Ulla e que rega a Verea ata confluír no Ribeiro  co rego da Sobreira.

Juan Vázquez de Mella, oriúndo de Boimorto, onde posuíu, pola súa liñaxe paterna, casa en Ribadiso de Mella, comentou en máis dun discurso as ancestrais ruínas prehistóricas e protohistóricas da comarca.

Na mesma parroquia de Santiago de Boimorto había dous castros importantes, o Castro da Roda e o Castro do Pedral que son a máis remota orixe accesible da agrupación humana da que vén Boimorto. Tamén hai castros  nas parroquias dos Ánxeles, Buazo, Brates, Cardeiro, Corneda, Dormeá e Sendelle e seguramente existiron máis que foron destruídos polas concentracións parcelarias ou para dedicar as terras a novas agras produtivas no medievo.

Outra condición que caracteriza Boimorto é a itineraria. Ó pé do castro da roda, pasaba unha vía secundaria, construída con finalidade lexionaria, que unía o campamento de Cidadela, onde se  situaba unha cohorte auxiliar.  Era unha especie de atallo para conectar coa vía Braga-Lugo-Astorga e está documentada co monumento viario levantado en conmemoración do Emperador que arranxou esta vía no século III.

Esta mesma vía pasou a denominarse posteriormente Camiño real que tamén foi o máis primitivo camiño europeo das peregrinacións a Compostela con dúas variantes dentro do mesmo concello: a ruta do norte que seguía esta vía romana ou camiño real bifurcábase en Vilariño, pasando a Ponte San Pedro, seguía por Hospital, Arentía, Ponte Boado, Ponte Punide, etc.  Enlazaba coa primeira que seguía por Folgoso, atravesaba o río Tamarela[1]nun bado, subía pola Peroxa, O Real de Boimil, A Baiuca, o Rego do Seixo, Vilanova, Asentos, O Real de Boimorto, A Gándara, etc.

Esta vinculación itineraria de Boimorto está asociada, xa que logo, ó Imperio romano, difusor dunha nova cultura e ó camiño máis primitivo das peregrinacións, que foi condicionante histórico e cultural dos seus habitantes. Tamén se poderían citar outras comunicacións históricas como é o camiño de Portomarín ás Mariñas de Betanzos que por Grobas pasaba o Iso en Ribadiso e cruzaba o concello para Ponte Castro seguindo despois o curso do  río ata Oza dos Ríos.

Proposta de escudo

Por todo isto se propón o seguinte proxecto de escudo do concello:

             

Proxecto de escudo entregado por Manuel Rico, sen cores,  e realización definitiva realizada polo concello de Boimorto, a través dun Gabinete de asesoramento, coas cores indicadas no proxecto e aprobado pola Real Academia da Historia.

·      Representar no brasón do concello de Boimorto o perfil do Castro da Roda, símbolo “dos verdes castros” da tradición prerromana deste territorio.

·      Representar a imaxe do monumento viario, o miliario descuberto no ano 1981,  recordo da vía do Imperio que nos trouxo o seu legado cultural e, sobre todo, a súa lingua.

·      Representar a cruz de Santiago, patrón da capitalidade do concello e emblema da antiga pertenza ó Señorío de Compostela.

·      Representar dúas vieiras coma as da arca do escudo de Arzúa que é cabeza da primitiva Xurisdición e que simbolizan, ó mesmo tempo, a proxección ó camiño das peregrinacións, eixo europeo,  e á tradicional hospitalidade dos peregrinos.

·      Representar ondas de dous ríos que representarán o río Tambre e o río Iso que definen e regan coas súas augas as terras de Boimorto. O Tambre fai de fronteira do concello polo norte e noroeste. O Iso que nace en Corneda e rega Dormeá e as terras da casa da liñaxe de don Juan Vázquez de Mella, en Ribadiso de Mella, recibe as augas da cunca do Tambre mediante a canle do Tamarela.

·      No primeiro cuartel, de ouro no cantón destro o perfil dun castro de cima redondeada, en sinople e, ó pé del, no cantón sinistro un miliario  coa insinuación das liñas do epígrafe. Chan verde.

·      No segundo cuartel, de cor prata, a cruz de Santiago, de gules franqueada de sendas vieiras de azur; en punta dúas ondas tamén de azur, a superior, de dobre tamaño que a inferior.

·      Circundarase, amodo de orla, de granate, levando en ouro a lenda de Concello de Boimorto.

·      Na parte superior levará timbrado da coroa real.



[1]“ (...) et per illum Pontem Presaris et per illum riuum de Tamarela et per illum montem de Super Ruzadas, (...), (Sobrado, 1151). Ver  Los caminos medievales de Galicia. Boletín Auriensede FERREIRA PRIEGUE, E.  Ourense, 1988.