Nós

1.1 - INDICADORES XEOGRÁFICOS E SOCIOECONÓMICOS

O Concello está localizado no sureste da provincia da Coruña, adscríbese á Comarca de Arzúa, concello co que linda polo sur xunto con Melide; polo seu costado Oeste linda cos concellos de Frades e Mesía, ao Norte atópanse os termos municipais de Vilasantar e Sobrado dos Monxes. Conta cunha superficie de 82,6 quilómetros cadrados, e dende o punto de vista topográfico atópase sobre unha serie de lombas divisorias das concas do Tambre e o Ulla.

situación xeográfica boimorto

O concello de Boimorto sitúase no centro do triángulo imaxinario que forman as tres grandes cidades do norte de Galicia: Santiago de Compostela, A Coruña e Lugo.

O municipio está conformado por 13 parroquias que son as seguintes: Andabao (San Martiño), Os Ánxeles (Santa María), Arceo (San Vicente), Boimil (San Miguel), Boimorto (Santiago), Brates (San Pedro), Buazo (Santa María), Cardeiro (San Pedro), Corneda (San Pedro), Dormeá (San Cristovo), Mercurín (San Xoán), Rodieiros (San Simón), Sendelle (Santa María). Destes entes colectivos o máis poboado é o de Boimorto cuns 500 habitantes, polo que se pon en evidencia a forte dispersión da poboación no territorio.

mapa boimorto parroquias

Non se pode falar dun núcleo no concello que funcione coma motor de crecemento, senón que nos podemos referir á capital do Concello como “Centro de Servizos” xa que no núcleo de Boimorto atópanse case todos os establecementos comerciais e a maioría das infraestruturas municipais.

As terras de Boimorto son terras de relevo ondulado, configuradas por unha serie de vales frondosos, o pico máis alto atopámolo nos Montes do Bocelo, o coto das Amieiras que acada 733 metros de altura, o cal contrasta cos escasos 300 metros que atopamos na parte Oeste, preto do límite co veciño concello de Frades. O resto do territorio ten un relevo bastante suave con picos que case non superan os 500 metros de altura, o que  o fai un territorio apropiado para a práctica da agricultura e gandería, a base da economía local.

O termo municipal posúe grandes extensións dedicadas a monte con plantacións de carballos, eucaliptos, castiñeiros e piñeiros primordialmente e tamén hai grandes praderías cunha excelente calidade de herba coa que se alimenta o gando vacún. O leite e derivados coma o queixo, que se producen nesta zona, son dunha magnífica e recoñecida calidade.

hidrografía boimorto

En canto á hidrografía, Boimorto conta con numerosas correntes de auga, as principais son o Río Tambre, co que conflúe o Tamarela, que marca os contornos do concello, e o río Iso, que nace na ladeira occidental dos Montes do Bocelo, que conforman o eixo regulador de todo o relevo de Boimorto. A rede hidrográfica complétase co Río Iso, de gran renome pola calidade das troitas que se crían nel, o río Batán e os regatos Brufe, Areas, Candeira e Seixo, que van desembocar ao río Pequeno.

O Concello de Boimorto atópase na vertente atlántica, e posúe un clima oceánico húmido, influenciado pola corrente cálida do Golfo, que provoca un aumento da nuvosidade. Goza de temperaturas medias moderadas, tendendo a frescas con pouca variación, a súa publiosidade media é abundante, sendo os meses máis chuviosos Decembro e Marzo. A amplitude térmica anual e de 10 grados centígrados. O réxime de ventos caracterízase polo predominio dos do norte.

As comunicacións son en xeral boas, tanto no termo municipal como co entorno. Polo concello discorren varias estradas provincias que facilitan o acceso á capital provincial como a Santiago de Compostela, tal e como se pode observar no mapa.

A principal vía de comunicación é a AC-840 que comunica Betanzos con Melide, ruta moi utilizada para a saída cara A Coruña. Ademais as estradas provincias conducen ás estradas N-547 (Santiago de Compostela - Lugo) e N-634 (Santiago de Compostela - Oviedo), que pasan polos concellos veciños de Arzúa,  Frades e Mesía respectivamente.

accesos a boimorto

A poboación do concello é de 2.022 habitantes en 2018 (INE), poboación que se ven reducido progresivamente nas últimas décadas ao igual que se vai incrementando o envellecemento da mesma, tal e como se pode observar nos seguintes gráficos.

pobiación boimorto ata 2010
Cifras oficiais da revisión anual do Padrón municipal.

piramide poboacinal boimorto
Fonte: INE BASE. Revisión do Padrón municipal 2019. Boimorto

A economía do concello está nun período de transición entre unha etapa predominantemente agraria cara outra onde o peso económico tende a recaer en maior medida sobre o sector servizos, tal e como se pode extraer do gráfico: 

traballadores por actividade boimorto
Isto débese a que o sector primario deixou de ser a principal fonte de ocupación debido as grandes transformacións sufridas nos últimos anos.

O sector primario está fundamentalmente representado pola gandería, principalmente bovina de orientación láctea. A concentración parcelaria propiciou a mecanización e modernización das explotacións. No referente ao gando porcino e avícola, este non é tan importante como o bovino, máis nos ultimos anos o sector avícola tivo un gran repunte co asentamento de varias iniciativas tanto de producción carnica como de ovos. Tamen debemos ter en conta ambos sectores na súa importancia dentro da actividade doméstica. 

Tamén se elabora o afamado queixo con Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa en pequenas explotacións, queixo con leite cru de vaca.

Os recursos forestais, por outra banda, están pouco aproveitados no sentido de que se limitan a producción de madeira e non á sua transformación en derivados cun maior potencial económico. Predominan as grandes plantacións de eucaliptos que se complementan con outras máis modestas de carballos, castiñeiros ou piñeiros.

O sector secundario é o último en importancia por número de ocupados, concentrándose as actividades en pequenos talleres, carpinterías e na construción. Identificándose as empresas existentes en Boimorto, case o 80% delas non teñen traballadores asalariados, o que indica claramente que se trata de empresas familiares ou traballadores autónomos.

talleres boimorto

O sector servizos vén gañando peso con respecto aos anteriores, empregando máis da metade dos traballadores e producindo un efecto terciarizador da economía local. Pero o sector ten un carácter tradicional, son actividades baseadas no pequeno comercio familiar e na hostelería. O maior número de servizos concéntranse na cabeceira municipal, servizos que maioritariamente suministran ao sector primario e servizos hosteleiros. Destacar tamen a importancia do emprego de poboación local nos servizos da comarca ou incluso das cidades próximas.

1.2 - IMPACTOS DAS ACTIVIDADES TURÍSTICAS

Actualmente a actividade turística no concello está representada principalmente polo tránsito do Camiño de Santiago do Norte polo seu territorio. A día de hoxe, en outubro de 2021, existen no termo municipal 10 aloxamentos: 3 establecementos de turismo rural, 1 albergue turistico privado, 2 establecementos de apartamentos turísticos1, pensión, 1 Vivenda Turistica e 1 vivenda de uso turístico. Tamén contamos cun albergue publico xestionado pola Xunta de Galicia con 33 prazas reservadas integramente para os romeiros do Camiño de Santiago.

O núcleo do concello conta con 2 restaurantes e 5 establecementos máis entre bares e cafetarías. A hostelería exténdese tamén polas parroquias de Arceo, Boimil, Mercurín, Brates, Dormeá e Os Ánxeles. 

O Camiño do Norte vai medrando en importancia, grazas a moitos factores, entre eles, a ampliación da oferta de aloxamento. Dende o Concello estamos a poñer en valor os recursos turísticos cos que contamos para atraer a Boimorto un turismo de calidade.