Centos de persoas visitaron esta mañá a sétima edición de Magreco, unha feira que se quere converter nun referente do sector primario e agrogandeiro en toda Galicia, como desatacou a alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo. Un obxectivo que permitiría acadar outro dos grandes retos manifestado durante a inauguración polo Conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez: “volver facer do rural o motor económico de Galicia”. Para o representante do Goberno Galego “falar de rural é falar de progreso, de futuro e de emprendemento”.
Un emprendemento que as autoridades puideron comprobar ao falar con algúns dos expositores presentes na feira de maquinaria agrícola e forestal, como os promotores melidenses de Tractores Branson, os responsables de Sicire (orixinarios de Boimorto); ous os mozos que impulsaron a cooperativa galega de porcino celta Tres Fuciños, que están presentes na mostra de alimentación.
Maquinaria agrícola e forestal, razas autóctonas, simuladores de condución, produtos da horta, unha ampla representación da gastronomía e artesanía galega son algunhas das propostas que ofrece Magreco esta fin de semana en Boimorto, e que mañá, domingo, terá o día grande coa poxa de doce vacas de raza frisona e tamén exemplares de rubia galega a partir das 12.00 horas. Os grupos locais Leirabuxo e a Agrupación Folclórica Santiaguiños de Boimorto porán a nota musical a esta edición de Magreco, que conta cunha nova distribución de espazos e varias novidades, como unha zona de xogos para os nenos e as probas de habilidade cunha minipala.
A alcaldesa María Jesús Novo, resaltou no seu discurso que a intención do Concello de Boimorto é facer de Magreco unha “cita ineludible e de referencia para os agricultores e gandeiros de toda Galicia”, algo que xa se está a lograr grazas a implicación de moitas persoas que colaboran desinteresadamente coa organización desta cita, como os e as traballadoras municipais ou membros de protección civil. A alcaldesa tamén citou aos veciños que ceden os seus terreos para montar a exposición de maquinaria agrícola e os aparcadoiros ou donan material para organizar a poxa “como Andrés de Cardelle, Ángel da Sobreira, Monteiro, Luís Seoane, da cooperativa, ademais do párroco e de Luís López”. Un traballo que, segundo a alcaldesa, vai permitir que Boimorto, ademais de polo Festival da Luz, sexa tamén coñecido en toda Galicia por Magreco.
Unha feira que non sería posible “sen a implicación dos expositores de maquinaria agrícola e forestal, que esta fin de semana amosan en Boimorto as últimas novidades”. Para rematar, María Jesús Novo animou a todas as persoas asistentes a probar as filloas de Lestedo, a gozar cos simuladores de condución e a amosar as súas habilidades na proba da minipala. Porque Magreco, dixo, mellora cada ano, tanto no deseño dos espazos como na ambientación e no seu programa, “para deixar un agradable sabor de boca a todos e animarvos a repetir o vindeiro ano”.
Pola súa banda, o conselleiro de Medio Rural asegurou que “no rural pódese vivir con calidade de vida” se somos quen de poñer en valor os nosos produtos “para poder vivir do rural” aproveitando unha marca cunha “gran forza en todo como é a marca ‘Galicia”.
“Polo rural pasa o futuro de Galicia”, engadiu José González, quen resaltou que dende a Xunta “apoiamos os modelos de negocio do rural, xa sexa aproveitando os recursos propios (agrogandeiros ou forestais) como desenvolvendo novas formas de negocio”.
Unha aposta pola innovación que o propio conselleiro puido comprobar ao percorrer a feira de exposición de maquinaria ou de alimentación e artesanía, e que lle contaron en primeira persoa os propios implicados. Así mesmo, José González puido coñecer as razas autóctonas presentes na feira (porco celta, cachena, caldelá, rubia galega, galiña de Mos), e volveu escoitar a petición dos representantes da Asociación Galiña Piñeira que queren conseguir a denominación oficial para esta raza autóctona a que axudou a recuperar iniciativas como a festa que promove o Concello de O Pino.
Ao acto de inauguración de Magreco asistiron, entre outros, membros da Corporación de Boimorto, a alcaldesa de Melide, e os alcaldes de Arzúa, Curtis, Frades, O Pino e Touro.
- Inauguración e visita do conselleiro de Medio Rural á feira de maquinaria e expositores (preme aquí)