Outro dos servizos encamiñados a conseguir o maior benestar dos nosos veciños é o servizo de axuda a domicilio, adicamos a este servizo 7 traballadores/as que acoden a preto de 50 vivendas do Termo Municipal para atender as necesidades dos usuarios deste servizo. O servizo de axuda no fogar ten por obxecto prestar un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, dende unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións en que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desestruturación familiar.
Son obxectivos do servizo de axuda no fogar:
- Mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.
- Posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual.
- Favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio.
- Manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social.
- Previr situacións de dependencia ou exclusión social.
- Retardar ou evitar a institucionalización.
- Reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social.
No marco do servizo de axuda no fogar poderán prestarse os seguintes tipos de atención de carácter básico:
- Atencións de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria, tales como: Asistencia para levantarse e deitarse , Apoio no coidado e hixiene persoal, control do réxime alimentario,….
- Atencións de carácter persoal na realización doutras actividades da vida diaria, tales como: acompañamento fóra do fogar para acudir a consultas ou tratamentos ou o apoio na realización de xestións necesarias ou urxentes.
- Atención das necesidades de carácter doméstico e da vivenda, tales como: limpeza e mantemento da hixiene e salubridade da vivenda., compra de alimentos e outros produtos, lavado e coidado das prendas de vestir,...
- Atencións de carácter psicosocial e educativo: intervencións formativas e de apoio ao desenvolvemento das capacidades persoais, á afectividade, á convivencia e á integración na comunidade así como á mellora da estruturación familiar.