Descrición da Etapa do Camiño de Santiago Norte
Estase a finalizar o Camiño que recorre o norte do noso país.
Saímos do Concello de Sobrado dos Monxes, para entrar no de Boimorto. Sinalar que este é un percorrido por un pequeno Concello do interior de Galicia, onde se suceden panorámicas vexetais conxugadas de forma harmoniosa con construcións que se distribúen por este Concello, así como a toma de contacto con paraxes rurais que están entre vivendas e explotacións gandeiras.
O primeiro contacto a través do camiño é entre prados, regatos castiñeiros... pasando pola Área recreativa sita na parroquia dos Ánxeles, localizada no percorrido do Camiño de Santiago e na ribeira do Río Batán. Ofrece unha zona de descanso aos camiñantes e de recreo para os que alí se acerquen. Está acondicionada con baños, auga corrente, luz eléctrica, e dispón de mesas, grellas, pista polideportiva e aparcadoiro, no caso de que un grupo desexe facer parada neste Área debese por en contacto co Concello para que lles vaian abrir as dependencias que se atopen pechadas.
Entre estas paisaxes idílicas entramos na parroquia de San Miguel de Boimil, seguindo a senda peonil que nos leva ata o albergue de peregrinos situado no lugar de Baiuca, ao lado da antiga telleira. Para máis información sobre este servizo poden ir ao enlace referente ao albergue.
A maiores do Albergue o Concello pon a disposición dos grupos mais numerosos, ou de todas aquelas persoas que así o desexen, a posibilidade de pernoctar no Polideportivo Municipal. O custe por persoa é de 3 €/noite, sendo necesario avisar en horario de mañá na Casa do Concello para poder acceder a este servizo.
Seguindo o noso camiño chegamos ata a parroquia de Santiago de Boimorto, na que os peregrinos seguiran como se fixo durante séculos, a antiga Vía Romana XIX, como acredita o Miliario Romano achado nas inmediacións do mesmo. A nova ubicación deste anaco de historia está nos xardíns da Casa consistorial, na entrada da vila, onde tamén poderemos gozar do cobixo dunha fermosa carballeira para repoñer forzas.
Estamos, pois, xa na vila de Boimorto, o meirande núcleo de poboación do Concello, e o último punto onde mercar todo o preciso para emprender o resto da etapa, espéranos unha boa camiñada antes de chegar ao próximo albergue. Na vila temos varias tendas onde mercar roupa, regalos, útiles,... e unha ampla oferta de hostalería para repoñer forzas.
Seguindo o camiño, á saída de Boimorto atoparémonos con dúas alternativas para continuar a nosa peregrinaxe:
* Coller o desvío da esquerda que nos leva ó Concello de Arzúa, encauzando, así, no Camiño Francés.
* Seguir de fronte e ir ata O albergue de Sta. Irene no Concello de Arca, ruta coñecida como Variante da Mota
Tomando como referencia esta última opción ao albergue de Sta. Irene aforraremos 5 Km:
* Boimorto – O Xen – Santa Irene: 20 km
* Boimorto – Arzúa – O Xen – Santa Irene: 25 km
Calquera das dúas alternativas ten o seu atractivo. Seguindo a variante da Mota percorremos unha ruta que combina unhas vistas marabillosas e a tranquilidade de vías pouco transitadas. Pasamos xunto á Área recreativa Javier Álvarez Maristani (piscina e campo de fútbol municipal), e polas parroquias de Cardeiro, Brates e Mercurín. É neste punto onde o camiño abandona o noso Concello e entra no Concello de Arzúa. A pouco máis de 500 m. do límite entre Concellos imos atopar a hermida da Mota, situada no medio dunha maxestosa carballeira, dende aquí imos ó Orxal, e logo de pasar polas aldeas de Fruzo e Beis chegamos ó Xen, punto este no que o Camiño Norte se funde co Camiño Francés, seguindo este último, a pouco máis de 1 Km, imos dar co Albergue de Santa Irene.
No caso de escollermos a alternativa por Arzúa imos pasar ao pé dunha igrexa do século XII, a igrexa parroquial de Santa María de Sendelle. Esta igrexa consta de planta dunha soa nave e sancristía lateral, ademais, no seu interior, conta cunhas fermosas pinturas e que representan a única mostra de pintura sacra en Boimorto, ao pé da igrexa temos un Bar onde podemos repoñer forzas antes de emprender a última parte da etapa a Arzúa que discorre por estradas comarcais sen moito tráfico. O principal atractivo desta variante é o seu paso pola vila de Arzúa, xa que nos meses de verán é unha vila ateigada de xente, con moitas posibilidades de ocio e moito ambiente.